Dolorosa derrota do Peixe Galego no último cuarto ante o Tau Castelló (77-83)

Marín
21 de decembro 2016

Sexta derrota consecutiva para o club marinense na Liga LEB Ouro despois dun partido no que melloraron as súas prestacións e chegaron con todas as súas opcións intactas aos últimos minutos, pero o cadro visitante mostrouse máis acertado nos momentos clave

Múgica, nun partido do Peixe Galego Cristina Saiz

Sexta derrota consecutiva na Liga LEB Ouro para un Peixe Galego que mellorou as súas prestacións ante o Tau Castelló pero que acabou cedendo nos últimos minutos (77-83).

O choque disputouse de poder a poder, empezando por un primeiro cuarto no que primaron as defensas (12-13).

No segundo parcial os de Javi Llorente tiveron que remar contra corrente contra un cadro visitante que empezaba a tomar lixeira vantaxe (31-37).

Foi tras o descanso cando o Peixe desatou o seu mellor xogo para voltear o electrónico nun gran terceiro cuarto, con Miso (20 puntos) e Múgica (17) levando o peso ofensivo do equipo.

Así os de Marín chegaron ao últimos dez minutos por diante (61-60) e con todo por decidir, pero nos minutos decisivos o Tau Castelló mostrouse máis acertado sentenciando o partico ante un Peixe ao que lle custaba de novo encestar.

A derrota mantén ao Peixe Galego na penúltima praza da liga con tres vitorias e 13 derrotas cando só resta unha xornada para a conclusión da primeira volta, a que se xogará o 30 de decembro cos de Javi Llorente visitando a cancha do cuarto clasificado, o GBC.

Consulta aquí as estatísticas do Peixe Galego-Tau Castelló.