Unha dolorosa derrota en Tenerife converte o soño do Pontevedra en pesadelo

Pontevedra
17 de maio 2026
Actualizado: 19:30

Os granates caíron por 3-0 fronte o líder nun mal encontro que lles obriga a gañar na última xornada de liga para asegurar o play-off. Miguel Cuesta, expulsado, perderá ese partido

Partido entre Tenerife e Pontevedra no Heliodoro Rodríguez López Pontevedra CF

Todo lle saíu cruz ao Pontevedra Club de Fútbol nunha penúltima xornada de liga que pasou de soño a pesadelo en cuestión de minutos.

Os granates caeron con contundencia ante o Tenerife (3-0) e, ademais, perden a Miguel Cuesta de cara á decisiva última xornada xa que o xogador foi expulsado por dobre amoestación.

Rubén Domínguez tampouco estará no banco ao ver a vermella directa no Heliodoro Rodríguez e as vitorias de Ponferradina e Barakaldo xunto ao empate do Madrid Castilla nos seus respectivos encontros obrigan aos do Lérez a gañar ao Avilés para non depender de resultados alleos na súa loita polo play-off.

Dentro de todas as variacións que ofrecen as aliñacións de Rubén Domínguez poderíase dicir que o técnico ourensán sorprendeu ao apostar por unha defensa de catro en lugar do habitual esquema formado por tres centrais e dous carrileros.

Marqueta partiu en portaría acompañado por unha defensa formada por Montoro e Miki Bosch, con Vidorreta no lateral dereito e Miguel Cuesta no esquerdo. Rubén López e Yelko actuaron na medular con Alberto Gil e Diego Gómez en bandas, Alain de enganche e Compa como referencia na punta de ataque.

Fabricio avisou aos cinco minutos de partido ao rematar un balón morto na frontal da área que Marqueta desviou a córner cunha gran estirada. O Pontevera tratou de resistir o arreón inicial dos locais para tentar asentarse no encontro.

E a pesar de que Compa tívoa pouco despois cun remate cruzado, a mala fortuna quixo que Montoro marcásese en propia porta no minuto 10 ao tratar de despexar un remate de Noel. Comezaron as malas noticias para o conxunto granate.

O encontro púxose máis costa arriba si cabe no minuto 18 co 0-2 do Tenerife anotado por Iván Chapela. O xogador andaluz plantouse na área cunha boa xogada individual e superou a Marqueta cun disparo cruzado imposible para o meta aragonés.

Tratou de dixerir o golpe como boamente puido o equipo de Rubén Domínguez, que probou por primeira vez ao gardameta local nun saque de esquina de Yelko que colleu dirección portaría.

Dentro das poucas cousas que ocorreron tras o tanto destacou a lesión do galego Noel López, que foi substituído por Balde no minuto 34 por uns problemas musculares.

As imprecisións defensivas do Pontevedra déronlle ao equipo de Álvaro Cervera a oportunidade de facer o terceiro gol do partido nun tiro indirecto dentro da área por unha cesión de Marqueta. Libráronse os do Lérez, pois o remate de Balde tras o toque de Enric Gallego saíu por encíma do traveseiro.

Miguel Cuesta viu a primeira amoestación do encontro xusto antes de chegar ao descanso e a posterior acción a balón parado estivo preto de causar serios problemas a un cadro pontevedrés que non logrou meterse no partido ao longo dos primeiros 45 minutos.

Rubén Domínguez buscou a reacción cun triplo cambio tras o descanso que se traduciu nun cambio de esquema e a entrada ao campo de Facu, Luisao e Joao Resende. Os granates pasaron a formar con tres centrais con Alain atrasando a súa posición.

Parecía que as substitucións se facían notar, pois Facu en primeiro lugar e Joao en segunda instancia tentábano con dous remates a porta que obrigaban a De Vuyst a entrar en acción nos primeiros minutos do segundo tempo.

Con todo, a pegada ofensiva dos canarios castigou ao Pontevedra cun gol practicamente definitivo de Enric Gallego no minuto 48. O dianteiro recibiu un pase de Fabricio na área e, tras acomodarse o balón, bateu a Marqueta para facer o 3-0.

-
Partido entre Pontevedra e Tenerife no Heliodoro Rodríguez LópezCD Tenerife

O que empezou como un soño se converteu en pesadelo co paso dos minutos, pois o colexiado valenciano expulsou a Miguel Cuesta no minuto 53 por unha rigorosa dobre amoestación que privará ao xogador asturiano de disputar a última xornada contra o Real Avilés.

Rubén Domínguez viu a vermella directa polas protestas, polo que tampouco poderá sentar no banco de Pasarón no último partido de liga. Adrián Abalo tampouco estará ao cumprir o seu terceiro partido de sanción, polo que o banco granate estará orfo nun encontro decisivo.

Yelko e Diego Gómez deixaron o seu sitio no campo a Brais e Álex González co obxectivo de evitar males maiores de cara á última xornada mentres que o cadro tinerfeño continuou o seu particular recital no Heliodoro Rodríguez.

Álvaro Cervera repartiu os minutos con novas substitucións nos minutos finais dun partido que non tivo maior historia desde a expulsión de Miguel Cuesta.

Non engadiu nin un segundo o colexiado valenciano e o encontro chegou ao seu fin coas peores noticias posibles para o Pontevedra, que caeu por 3-0 fronte ao líder e xogarase o play-off na última xornada en Pasarón ante ao Real Avilés.

As vitorias de Ponferradina e Barakaldo xunto ao empate do Madrid Castilla obrigan aos de Rubén Domínguez a gañar para depender de si mesmos. Non será fácil, pois o cadro asturiano terá en xogo a permanencia.

CD TENERIFE (3): De Vuyst, David Rodríguez, Yaakobishvili, Landazuri, Noel López (Balde, min. 34), Fabricio (Javi Pérez, min. 78), Aitor Sanz (Juanjo, min. 78), Enric Gallego (Nacho Gil, min. 62), César, Iván Chapela (Gastón, min. 62) e Dani Fernández.

PONTEVEDRA CF (0): Marqueta, Miki Bosch, Alain, Yelko (Brais Abelenda, min. 66), Miguel Cuesta, Vidorreta (Luisao, min. 46), Rubén López (Facu Ballardo, min. 46), Alberto Gil (Joao Resende, min. 46), Diego Gómez (Álex González, min. 66), Compa e Montoro.

Goles: 1-0, Montoro en propia porta, min. 10. 2-0, Iván Chapela, min.18. 3-0, Enric Gallego, min. 49.

Árbitro: Juan Manuel Gordillo (Valencia), auxiliado nas bandas por Rubén Ortega e Francisco Manuel Gómez, con Javier Guillán como cuarto colexiado. Expulsou a Miguel Cuesta por dobre amoestación (44´)(53´) e a Rubén Domínguez por vermella directa (55´) por parte do Pontevedra CF.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 37 do grupo I de Primeira RFEF disputado no estadio Heliodoro Rodríguez López.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora