Un domingo diferente no Manolo Barreiro coa V Concentración de Escolas de Rugby de Galicia

Pontevedra
15 de febreiro 2026
Actualizado: 15:39

A iniciativa, organizada polo Mareantes RCP, reuniu en Pontevedra a doce clubs de toda Galicia. As instalacións do Manolo Barreiro acolleron máis de 200 participantes

Concentración de Escolas de Rugby de Galicia

O Rugby volve ser protagonista en Pontevedra coa V Concentración de Escolas de Rugby de Galicia. Esta iniciativa, organizada polo Mareantes RCP, reúne a nenos e nenas de varios clubs galegos para compartir unha xornada chea de partidos e compañeirismo.

Esta xuntanza desenvolvíase nos campos Municipais da Seca, en Poio. Con todo, esta edición celebrouse nunha nova sede na cidade do Lérez.

Nesta ocasión o evento desenvolveuse nas instalacións do Manolo Barreiro, na Xunqueira.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a concentración contou cunha gran participación. Un total de 214 nenos e nenas de 12 clubs procedentes de varios puntos de Galicia foron os protagonistas dun domingo un tanto diferente no Manolo Barreiro.

Os clubs que participaron son os seguintes: Mareantes RCP, Vigo RC, Crat, Fendetestas RC, PRC, CR Ferrol, Muralla RC, Ourense RC, OSIngleses RC, Capons, Santiago RC e Zalaeta RC.

Os participantes, repartidos en catro categorías (M6, M8, M10 e M12), enfrontáronse entre si en partidos de 15 minutos que culminaron cunha entrega de medallas tras tres horas de competición.

A xornada rematou co famoso "terceiro tempo", unha tradición deste deporte onde os equipos se xuntan para confraternizar e compartir comida e bebida.

Podes ver todas as imaxes do día na nosa galería de fotos.