Dous goles de Sylla na Lomba dan a vitoria ao Arosa ante o Barco (2-1)

O Salnés
07 de abril 2019

Pola súa banda, tres goles de Fernando Cuadrado condenan a Ribadumia ante o Polvorín e o Céltiga cae no Salvador Otero contra o Racing Club Villalbés

Vitoria do Arosa SC ante o CD Barco na Lomba
Vitoria do Arosa SC ante o CD Barco na Lomba /

O Arosa, tras a derrota da pasada semana ante o Porriño Industrial, logrou, este sábado, facerse con tres importantes puntos, que lle permiten situarse un paso máis preto dos postos máis altos da clasificación. O Barco, pola súa banda, continúan, a pesar do resultado negativo, ás portas dos mesmos. O choque estivo enormemente condicionado pola cantidade de auga que caeu sobre o campo da Lomba durante o mesmo. 

Comezou dominando o encontro o cadro visitante, que, aos 14 minutos do inicio xa se poñía por diante cun gol de Juanito Bazo, aproveitando un erro de Manu Táboas ao non ser quen de atrapar o balón por mor dun charco. A partir dese momento, o equipo anfitrión pelexou en busca do empate. Creou diversas ocasións de perigo que, con todo, non chegaron a materializarse, polo menos na primeira metade. Co 0-1 marcharían ao descanso.

Tras a continuación o encontro caracterizouse pola mellora das condicións meteorolóxicas e a superioridade local. Nas súas mans tivo Sylla as táboas en varias ocasións, pero non sería ata o 75' que lograría o 1-1, cabeceando un tiro de Manu Rodríguez. Menos de dez minutos despois, o capitán dos arousáns volvería acertar ante a portería de Kiko, de novo de cabeza, dando, así, a volta ao marcador. Ante a incapacidade ourensá de volver igualar o choque, os de Rafa Sáez celebraron que os tres puntos quedaron o Vilagarcía. 

Consulta a acta do Arosa-Barco.

O dominio do Racing Club Villalbés no Salvador Otero proporciónalle a vitoria ante o Céltiga, que, pola súa banda, suma catro xornadas sen coñecer a vitoria. Ademais, estes últimos continúan moi preto dos postos de descenso a falta de seis xornadas para o final da tempada.

Despois dunha primeira parte algo máis igualada e que terminou sen goles, un gol de Diego Muiña no 56' estrea o marcador visitante. Ante a vantaxe dos do  Villalbés, os locais non puideron facer nada. E tanto foi así que, no último minuto do partido, Santi Taboada anotou o definitivo 0-2.

Consulta a acta do Céltiga-Villalbés.

O Ribadumia sumou, este domingo, unha nova derrota, nesta ocasión, ante a Polvorín, que leva sendo vencedor tres xornadas consecutivas. Co novo resultado negativo dos do Salnés, estes continúan ancorados á parte baixa da táboa, a tan só tres puntos dos postos de descenso.

A pesar da vitoria local, o encontro estivo moi igualado desde o comezo. Tanto foi así, que se foron ao descanso co 0-0 no marcador. Non sería ata a continuación que se viviría un choque moito máis intenso na Cheda. A inauguración do electrónico realizouna Tomás Abelleira no 50', poñendo aos do Ribadumia por diante. Os anfitrións tardarían preto de media hora en atopar o empate por medio de Fernando Cuadrado.

Pero non lles duraría moito, xa que tres minutos máis tarde, os visitantes volverían gañar vantaxe grazas a David Gómez (1-2). Cando parecía que ese sería o resultado definitivo, os lucenses conseguiron, non só volver empatar a falta de tres minutos para o final, senón tamén quedar cos tres puntos grazas a Fernando Cuadrado xusto antes de terminar.

Consulta a acta do Polvorín-Ribadumia.