Dous nadadores do Galaico, incluídos no Grupo Especial de Seguimento da Federación Galega

Pontevedra
29 de novembro 2018

Pablo Martín e Alicia Bouzas son dous dos 28 mozos e mozas nadadores seleccionados pola Federación Galega, e que entran así nun programa de desenvolvemento deportivo que terá a súa sede no CGTD de Pontevedra

Campionato de España Infantil de Natación de Inverno en Pontemuíños
Campionato de España Infantil de Natación de Inverno en Pontemuíños / Diego Torrado

A formación de novos nadadores para un futuro desenvolvemento deportivo a nivel de elite é o obxectivo da Federación Galega de Natación (Fegan) a través do Grupo Especial de Seguimento, no que pon os seus ollos nos novos talentos a nivel autonómico.

Entre eles atópanse dous deportistas do Club Natación Galaico, Pablo Martín e Alicia Bouzas, ambos os dous incluídos na selección de 28 nadadores realizada polos técnicos federativos.

Tanto Martín como Bouzas, nacidos no ano 2005, acudirán agora ás sesións de adestramento que se realizarán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra co obxectivo de mellorar os seus hábitos de adestramento e a técnica nos diferentes estilos da natación.

A Fegan pretende ademais con este programa realizar un control dos deportistas para futuras concentracións e competicións coa Selección Galega ou coa Nacional.

As xornadas de adestramento previstas no Grupo Especial de Seguimento, que coincidirán en venres, son: 14 de decembro, 18 de xaneiro, 22 de febreiro, 8 de marzo, 12 de abril, 24 de maio e 21 de xuño.