Pleno de vitorias para o ciclista do Supermercados Froiz Mika Vijfvinkel, que se alzou co triunfo na segunda etapa da Vuelta a Madrid Sub-23 celebrada este martes con saída e chegada a meta en Alcalá de Henares.
O holandés, que xa se impuxo na xornada inaugural nun emocionante sprint final polas rúas de Móstoles, consolidou o seu mandato na xeral cun novo e pelexado triunfo que reforza as súas boas sensacións nesta primeira metade da competición.
O ciclista da escuadra alimenticia afrontou unha calorosa etapa de 134 quilómetros que arrincou ás 15:30 da tarde e que atravesou un dobre circuíto con subidas a Villalbilla e Loranca.
A pesar da vitoria de Mika, o protagonismo nos primeiros compases da carreira foi para outro ciclista do Supermercados Froiz, Loewis Bockstaele, que protagonizou unha fuga xunto a Joaquín Medina (Telco ON Clima Osés) e ao líder de montaña Cornee Vanslembrouck (Dovy Keukens).
Esta fuga foi neutralizada unha vez superada a hora de carreira e, a pesar dos intentos de reducidos grupos de ciclistas de tentar novas escapadas, o grupo principal de carreira chegou xunto ao tramo final en Alcalá de Henares.
¡¡Victoria para Mika Vijvinkel (@GFroiz)!! ¡El neerlandés repite triunfo!#VueltaMadridSub23 pic.twitter.com/e9fw725a2c
— Vuelta a Madrid Sub23 (@vueltamadridS23) July 8, 2026
Foi entón cando Mika Vijfvinkel fixo valer de novo o seu poderío no sprint para situarse á fronte nos 300 metros finais e cruzar a liña de meta en primeira posición. En segundo e terceiro posto entraron os españois Aimar Galdós (BBK Euskadi) e Luca Martínez (Selección Española júnior).
Esta vitoria sostén o liderado do holandés na clasificación xeral e manteno, unha xornada máis, co maillot vermello. Tamén mantén o maillot azul que lle recoñece como líder da clasificación da regularidade.
A terceira das cinco etapas que compoñen esta Vuelta a Madrid terá lugar este mesmo xoves no municipio de Parla cun percorrido de 126 quilómetros.
Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.