Dúas semanas no Cisne para preparar unha auténtica final

Pontevedra
07 de maio 2025
Actualizado: 13:57

O equipo pontevedrés xogarase na última xornada da División de Honra Prata esquivar a praza de play-out pola permanencia. Os de Quiños dependen de si mesmos para certificar a permanencia

Partido entre Cisne e Alcobendas no Municipal Cristina Saiz

A derrota na pista do xa descendido Zarautz deixou os deberes por facer para o Club Cisne ante a última xornada de competición na División de Honra Prata.

Os pontevedreses non corren perigo de descenso directo, xa que as últimas catro prazas están xa asignadas, pero si poden acabar caendo ao posto de play-out pola permanencia.

É o obxectivo a evitar polos de Quiños ante o último partido do campionato, choque que poden preparar a coinciencia ante o parón competitivo da próxima fin de semana.

Non será até o sábado 17 de maio (19.00 da tarde en horario unificado) cando o Cisne reciba no Pavillón Municipal dos Deportes o BM Lanzarote.

O conxunto da Boa Vila chega á última xornada con 23 puntos, empatado con Agustinos Alicante que é o que xogaría agora mesmo a promoción pero por diante deles na táboa, polos 24 puntos cos que conta Balonmano Proin Sevilla.

Entre o tres estará todo, con Agustinos recibindo na súa pista o Eivissa (noveno clasificado) e Sevilla visitando a pista do Barça Atlétic (sexto).

O Cisne dependerá de si mesmo, ademais xogando ante un equipo como o BM Lanzarote xa descendido e que ocupa a última posición. Se gaña estará salvado, pero se non o fai deberá mirar ao resto de partidos.

A súa permanencia un ano máis no segundo chanzo do balonmán nacional estará en xogo.