Dúas xogadoras do Waterpolo Pontevedra disputan os Xogos Suramericanos

Pontevedra
11 de outubro 2022

As colombianas Valentina Restrepo e Sara Venegas estarán concentradas coa súa selección na capital paraguaia de Asunción ata o 15 de outubro

Valentina Restrepo e Sara Vanegas, convocadas por Colombia para a disputa dos Xogos Suramericanos
Valentina Restrepo e Sara Vanegas, convocadas por Colombia para a disputa dos Xogos Suramericanos / Club Waterpolo Pontevedra

O Club Waterpolo Pontevedra terá un ollo posto en Paraguai, nos Xogos Suramericanos Asunción 2022. As xogadoras do CW Pontevedra Valentina Restrepo e Sara Vanegas foron citadas pola selección de Colombia para disputar este campionato desde o 11 ao 15 de outubro.

As colombianas xogarán o 11 de outubro o primeiro partido fronte a Venezuela na primeira xornada, fronte Paraguai; o 12 de outubro; e Arxentina, o 13. As roldas finais do campionato disputaranse os días  14 e 15 de outubro.

Doutra banda, o Club Waterpolo Pontevedra puxo fin aos partidos de pretemporada a pasada fin de semana coa disputa dun amigable contra o conxunto portugués do Club Aquatico Pacense, un equipo que nuns días disputará a previa da liga Europea de Campións de Waterpolo.

O equipo feminino, que este ano debutará en Primeira Nacional, dá por concluída a pretemporada e atópase xa preparado para debutar en competición oficial dentro de 15 días. Ademais, as xogadoras xa saben que este ano disputarán os seus partidos como locais na piscina da Escola Naval Militar de Marín, institución á que desde o club agradecen a súa colaboración e compromiso.

O pasado 8 de outubro o Club Waterpolo Pontevedra celebrou a súa tradicional presentación de inicio de tempada no edificio administrativo da Xunta de Galicia da rúa María Vitoria Moreno no que participaron 125 deportistas (84 mozos e 41 mozas) de categorías pre-benjamín e benjamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, absoluta masculina e absoluta feminina.