Dúas xornadas nas que todo pode pasar

Pontevedra
30 de abril 2018

As contas do Pontevedra para lograr a salvación pasan por gañar irremediablemente ao Unión Adarve o vindeiro domingo en Pasarón. Se o conseguen, en función dos resultados noutros campos, poderían evitar xa o descenso directo a falta dunha última xornada que promete non ser apta para cardíacos

Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Só dous puntos separan a cinco dos equipos implicados na pelexa pola permanencia, catro se contamos ao último contendente como é o Toledo, cando apenas faltan dúas xornadas para o final da competición regular, ou o que é o mesmos 6 puntos en xogo.

Con este panorama todo pode pasar en 15 días non aptos para cardíacos, nos que o Pontevedra parte en lixeira vantaxe ao estar actualmente fóra dos postos de descenso e tamén do de play-out. Os granates (41 puntos) están empatados co Valladolid B e contan cun punto de renda sobre o Coruxo, en promoción, mentres en descenso están Racing de Ferrol (39), Gimnástica Segoviana (39) e Toledo (37).

Resulta inevitable facer contas. Todos os equipos e afeccións tiran estes días de calculadora, e os números do Pontevedra pasan irremediablemente por vencer no partido do próximo domingo (18:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Unión Adarve, que xoga a súa presenza na Copa do Rei. Un triunfo dos de Luismi faríalles estar fóra xa do alcance do Toledo, mentres que ao haber un enfrontamento directo entre Segoviana e Valladolid B outro deses equipos quedaría eliminado. Así, se o Ferrol non consegue vencer o sábado a domicilio ante o Castilla a pantasma do descenso directo quedaría disipada, á espera do que ocorrese noutros campos con respecto ao play- out, xa que o Coruxo recibirá a un dos equipos que pelexa polo liderado.

A xornada de liga comezará o sábado 7 de maio co citado Castilla-Ferrol (20:30 horas), e pecharase o domingo ás 18:00 horas co Segoviana-Valladolid B, o Ponferradina-Toledo e o Coruxo-Fuenlabrada.

Pola súa banda na data definitiva, o domingo 13 de maio en horario unificado (18:00 horas), o Pontevedra xogaralla en Madrid ante o Atlético B, sendo o resto de emparellamentos con equipos implicados: Adarve-Segoviana, Toledo-Fabril, San Sebastián de los Reyes-Coruxo, Racing de Ferrol-Rayo Majadahonda e Valladolid B-Castilla.

SEN NACHO LÓPEZ, ÁLEX GONZÁLEZ E DARÍO

A cita ante o Adarve adquire esta semana categoría de auténtica final tras o tropezo en Segovia, e ninguén a quere perder. Os que si o farán con seguridade son Álex González, que cumprirá o seu segundo encontro de sanción, e Nacho López, se Competición ratifica o castigo por un encontro pola súa expulsión o domingo. Ademais Darío López ten case imposible ser da partida polos seus problemas musculares. Está por ver se outros futbolistas como Prosi ou o gardameta Anxo, que non viaxaron a Segovia por problemas físicos, evolucionan positivamente e chegan dispoñibles á cita.