Dura derrota do Pontevedra Rugby na súa estrea na División de Honra B Feminina (0-94)

Pontevedra
11 de xaneiro 2021

O conxunto pontevedrés, que se estreaba na categoría en Ourense ao non ser homologado polo momento o campo de Monte Porreiro, acusou fronte ao BUC Barcelona a súa pouca preparación, pero mostrouse orgullosos do esforzo e traballo das súas xogadoras

Debut do Pontevedra Rugby Club na D.Honra B fronte ao BUC Barcelona
Debut do Pontevedra Rugby Club na D.Honra B fronte ao BUC Barcelona

Non foi a estrea soñada, pero é que era unha empresa case imposible para o seu debut. O Pontevedra Rugby Club ( PRC) viviu este domingo o seu primeiro encontro na División de Honra B Feminina, encaixando unha dura derrota fronte ao  BUC Barcelona (0-94).

As pontevedresas contaban con moitos condicionantes na súa contra, empezando pola falta de preparación nun proxecto que se iniciou contrarreloxo, e ao que se sumou a imposibilidade de xogar polo momento no seu campo de Monte Porreiro ao non ser aínda un campo homologado pola Federación  Españoña. Por esa a primeira xornada disputouse nas Lagoas, Ourense.

O que non faltou na expedición do PRC foi unha mochila cargada de ilusión, e por iso pese ao resultado no club mostráronse "moi orgullosos da actitude e predisposición das nosas xogadoras, tanto das convocadas como das que non", sinalando que "agora toca traballar duro, seguir aprendendo e crecer xuntas".

En canto ao partido, a resistencia pontevedresa durou 8 minutos, o tempo que tardou en chegar o primeiro dos seis ensaios de Helena Espada. O maior ritmo e velocidade do Barcelona traduciuse nun 0-43 ao descanso que sentenciaba xa o duelo.

A segunda metade seguiu co mesmo guión, todo un máster de aprendizaxe para un Pontevedra Rugby Club que a pesar diso non perde o sorriso por debutar en categoría nacional e que xa pensa en mellorar a súa imaxe no seu seguinte compromiso na División de Honra B, fixado para a próxima fin de semana en Cataluña contra o Grupo Excursionista y Deportivo Gerundense.