Edu Sousa: "A sensación que hai é de moita seguridade"

Pontevedra
22 de novembro 2023

O gardameta granate, que suma sete encontros coa súa portería a cero nas 12 xornadas disputadas, asegura que a idea de xogo de Yago Iglesias "callou" no plantel e que o actual Pontevedra "parece un equipo e uns xogadores feitos a medida para o xogo que quere despregar o míster"

Edu Sousa, no partido de liga entre Pontevedra e Arandina en Pasarón

As segundas partes nunca son boas, di o refraneiro, pero Edu Sousa empeñouse en demostrar o contrario tras o seu regreso ao Pontevedra Club de Fútbol.

O gardameta acumula esta campaña sete porterías a cero nas 12 primeiras xornadas de liga, e consolidouse como unha garantía baixo os paus de Pasarón. "A sensación que hai é de moita seguridade", asegurou este mércores nunha comparecencia ante os medios de comunicación, aínda que para el "o mérito deberíano levar os xogadores que están diante de min".

A solidez do equipo demóstrase de feito, defende, en que "os números din que as ocasións que nos chegan son mínimas".

Para Edu o fundamental ata o de agora é que "creo que a idea callou", sinala en relación ao que propón Yago Iglesias desde o banco, e é que "parece un equipo e uns xogadores feitos a medida para o xogo que quere despregar o míster", afirma.

Unha confianza en todo caso que non evita mirar con todo o respecto e precaucións posibles aos próximos rivais, empezando por un Covadonga que é pechacancelas con sete puntos pero que xoga "nun campo que invita á disputa", analiza o gardameta granate.

"Alli as cousas pasan moi rápido, pasas de atacar a defender nun momento e obrígache a estar moi concentrado. Temos que estar cos cinco sentidos postos sobre o campo", asegura sobre o próximo compromiso do equipo.

MANU VIZOSO, TOCADO

Se Edu Sousa é a cara da felicidade actualmente no Pontevedra, o seu compañeiro na portería do equipo, Manu Vizoso, atravesa estes días unha situación delicada debido a unhas molestias no ombreiro que lle impiden exercitarse con normalidade.

Vizoso únese así na enfermería granate a un Marcos Barbeiro que segue traballando a menor ritmo que os seus compañeiros na fase de rehabilitación da lesión de xeonllo que lle obrigou a pasar polo quirófano.