Edu Sousa bota o cadeado á portería do Pontevedra

Pontevedra
17 de outubro 2023

O gardarredes encadea 351 minutos sen encaixar un tanto, desde que o fixese no minuto 9 de xogo no campo do Cayón. Aínda que lonxe polo momento do seu mellor rexistro como granate (chegou a estar 760 minutos imbatido na 13-14 quedando a só 4 minutos do récord absoluto do club), este aspecto resultou decisivo na melloría do equipo

Edu Sousa, adestrando co Pontevedra na Xunqueira Cristina Saiz

Máis aló das espectaculares cifras ofensivas, co mellor arranque realizador dos últimos 40 anos, a melloría do Pontevedra Club de Fútbol tras os resultados de inicio de tempada explícanse tamén desde unha solidez defensiva que foi mellorando co paso das xornadas ata conseguir o mellor dato desde a campaña 2011-2012, con só catro goles en contra tras os sete primeiros partidos do campionato.

Nese dato ten moito de responsabilidade Edu Sousa, axudado polo labor defensivo dos seus compañeiros, e é que o seteiro granate botou o ferrollo á súa portería. Leva xa 351 minutos sen recoller un balón do fondo da rede, desde que Turrado marcase para o Cayón no minuto 9 de partido na cuarta xornada de liga.

Desde entón, ademais dese encontro pasaron outros tres completos coa porta a cero (5-0 ao Guijuelo, 0-2 ao Coruxo e o 0-4 en Zamora).

Non é nin moito menos a mellor serie de Edu na portería do Pontevedra, pero a súa seguridade baixo paus axudou a crecer en confianza ao equipo, que non encadeaba tres partidos seguidos sen encaixar desde hai dúas tempadas. Fíxoo en dúas ocasións no ano do ascenso a Primeira RFEF, entre as xornadas 7 e 9 e entre as xornadas 11 e 13.

En canto ao propio Edu, xa sumou cinco encontros consecutivos sen recibir gol na tempada 18-19 na Segunda División B, aínda que a súa mellor serie chegou en Terceira División, na campaña 2013-2014, cando quedou a só uns minutos de bater o récord histórico do club, que segue mantendo Francisco Rodríguez 'Paco', gardameta que na tempada 82-83 permaneceu 764 minutos imbatido.

Por aquel entón o actual porteiro do Pontevedra rozou os oito partidos completos a cero, recibindo un tanto no desconto dun choque nas Pontes (1-4) que deixou a súa marca nos 760 minutos.

Pero máis aló de récords, aínda moi afastados e case que impensables, a tendencia cara á solidez do equipo adestrado por Yago Iglesias é un feito, e pode resultar un aspecto decisivo para loitar a final de tempada polo ascenso de categoría.