Èlia terminará a súa recuperación no Poio Pescamar tras renovar por dúas tempadas

Poio
09 de xullo 2026

A xogadora catalá, recentemente operada do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, continuará coa súa recuperación na Seca tras estender a súa vinculación co club dúas tempadas máis

Partido de liga entre Poio Pescamar e LBTL Futsal Alcantarilla na Seca
Partido de liga entre Poio Pescamar e LBTL Futsal Alcantarilla na Seca / Cristina Saiz

A tempada 25/26 do Poio Pescamar deixou grandes momentos para o recordo de todo o club e da súa afección. Con todo, a grave lesión de Èlia nas semifinais do play-off polo título de liga embazou un final de tempada que non concluíu da mellor forma posible tras a eliminación ante o Futsi Navalcarnero.

Pero, lonxe de ser un punto e final á historia da catalá como xogadora do cadro poiense, o club anunciou este mércores a súa renovación por dúas tempadas.

Isto supón unha mostra de confianza total da entidade conserveira por unha xogadora que demostrou ser unha peza fundamental do equipo ao longo das dúas tempadas que leva na Seca. De feito, o seu bo facer na pista foi premiado en febreiro deste ano co seu debut oficial coa Selección Española.

E é que até o momento da súa lesión Èlia Gullí participara en todos os partidos posibles (38), 17 deles como titular, nos que anotou once goles e repartiu unha asistencia.

Estas cifras, sumadas ás da súa primeira tempada na Seca, fan un total de 62 encontros disputados coa camiseta vermella, 22 dianas na súa conta particular e 4 asistencias.

Agora Èlia terá a oportunidade de continuar coa recuperación da súa lesión de longa duración como parte do equipo e de, aos poucos, recuperar sensacións até volver ao seu máximo nivel.

Cabe destacar que esta renovación por dúas tempadas segue a liña do club de apostar pola continuidade do bloque. Até o momento foi anunciada a continuidade de Ale de Paz, Carolina Bravo, Elena, Martita, Carolina Pedreira, Débora Lavrador, Chuli e a gardameta Yanira.

A iso hai que sumar as fichaxes de Laura Sánchez e de Luci como novas altas e as baixas confirmadas até a data de Candela, Rafa Pato, Noelia Montoro e Zaide.