O Tenis de Mesa Monte Porreiro fixo historia este venres ao converterse no segundo club da cidade en participar nunha competición europea.
O conxunto pontevedrés estreouse na ETTU Cup con boas sensacións aínda que sen recompensa ao esforzo. Iso si, mantén vivas as súas esperanzas de continuar adiante en Europa a pesar de encaixar dúas derrotas na primeira xornada da fase de grupos, que ten como sede a localidade de Ostrov, na República Checa.
Os pupilos de Nando Álvarez tiñan no seu primeiro enfrontamento ao rival máis duro do grupo, o anfitrión HB Ostrov procedente da Champions League, todo un "equipazo", segundo valorou o técnico tras o duelo. O resultado deste encontro foi de 3-1 para os locais, arrincando Martín Betancor un punto ao vencer en catro mangas a Dmitrij Rokopvoc. Non correron a mesma sorte os seus compañeiros Ilya Isakov, Nico Galvano e Miguel Ángel Vílchez, que cederon por 3-0 nos seus partidos.
Entraba dentro das previsións ceder ante os locais, e a pelexa do Monte Porreiro era co resto de rivais. Nesoutra 'liga' os pontevedreses estiveron moi preto de dar a sorpresa contra o GDCS Juncal portugués, tamén procedente da máxima competición continental.
Ilya Isakov adiantou ao equipo vencendo a Shvets por 3-1, pero os pequenos detalles terminaron por decantar o enfrentamento nos tres seguintes duelos, nos que tanto Nico Galvano en dúas ocasións como Martín Betancor caeron no desempate (2-3) en choques tremendamente igualados fronte a Chernov, Magalhaes e Shvets.
As esperanzas de seguir competindo a nivel continental pasan agora por non fallar na xornada deste sábado, ante os rivais a priori máis accesibles do grupo como son o Fortune Kyiv ucraíno ás 12.00 horas e o Logis Auderhgem TT belga ás 19.00 horas.
Ao termo da xornada seguirán adiante os dous primeiros clasificados do grupo, mentres que o terceiro e o cuarto pasarán a xogar a Trophy Cup e o quinto quedará eliminado.