O TM Monte Porreiro renuncia ao soño europeo da Trophy Cup: "É unha decisión moi dura"

Pontevedra
23 de marzo 2022

Os problemas de efectivos tras a lesión de Miguel Ángel Vílchez e a marcha do ruso Ilia Isakov por mor do conflito en Ucraína, unido ao esforzo económico que supoñía a competición, levaron ao club pontevedrés a tomar a dolorosa decisión de renunciar pechando de maneira abrupta a súa primeira experiencia europea 

Equipo do Monte Porreiro no seu debut na ETTU Cup na República Checa
Equipo do Monte Porreiro no seu debut na ETTU Cup na República Checa / Tenis de Mesa Monte Porreiro

A primeira experiencia europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro chegou ao seu fin dunha maneira abrupta que non esperaban no club pontevedrés.

Os problemas deportivos coas baixas por lesión de Miguel Ángel Vílchez e do ruso Ilia Isakov por mor da guerra de Ucraína, xunto ao esforzo económico que supoñía manterse en Europa obrigaron ao Monte Porreiro a renunciar á Trophy Cup, terceira competición continental en importancia e á que se clasificaron tras participar na fase de grupos da ETTU Cup o pasado mes de outubro.

"É unha decisión moi dura, pero déronse unha chea de factores", recoñece a PontevedraViva o director deportivo do club, Nando Álvarez.

"O equipo coincidiunos que o temos moi collo polo tema de Ilia co conflito e de Vílchez, que a lesión é máis grave do esperado e vano a ter que operar nas próximas semanas, e despois está o tema económico", explica sobre a difícil decisión, xa que "este ano fixemos un plantel mellor" para afrontar o reto europeo "e o gasto é maior".

De seguir adiante o Monte Porreiro tería viaxado ata Andorra para afrontar a fase de grupos da Trophy Cup a mediados do mes de abril, medíndose ao Club  Tennis Taula Valls del Nord andorrano, ao Club Desportivo 1º de Maio portugués e ao Arteal TM compostelán, o outro equipo español na competición.

A decisión de renunciar para non comprometer a estabilidade do club é se cabe máis dolorosa porque "era unha competición que podiamos loitar forte", sinala Nando Álvarez sobre as posibilidades que vía ao equipo, "pero é o que hai", afirma resignado.

Desta forma pouco agradable se punto punto e final á primeira incursión do Monte Porreiro en competición europea, un fito que na cidade só ten un antecedente, o do Teucro que participou hai máis de 25 anos na Copa EHF de balonmán (tempada 95-96).