A Selección Española Absoluta Feminina de tenis dixo este mércores adeus á fase final da máxima competición internacional por equipos, a Billie Jean King Cup.
Até Shenzhen, en China, desprazouse un equipo nacional que contaba entre as súas armas coa arousá Jéssica Bouzas despois da súa gran tempada, na que se asentou na elite do tenis mundial.
Jéssica foi de feito a primeira en saltar á pista para defender a España, no primeiro partido dos cuartos de final contra Ucraína.
A de Vilagarcía medíase por primeira vez na súa carreira a Marta Kostyu, actual número 26 do ranking mundial.
Un duelo duro pero tremendamente igualado sobre todo nunha primeira manga que se decidiu no desempate (6-7), e na que Bouzas despois de romper en dúas ocasións o servizo da súa rival e de chegar a restar para adxudicarse o set terminou claudicando.
Un golpe que acusou no segundo parcial, que se decidiu de maneira máis clara por 2-6.
Coa derrota de Jéssica Bouzas quedaba esperar ao segundo duelo individual, no que regresaba ás pistas Paula Badosa para medirse a Elina Svitolina.
A catalá gañou o primeiro set, pero non puido aguantar e o encontro saldouse cun tenteo de 7-5, 2-6, 5-7 confirmando a eliminación de España sen necesidade de disputarse os dobres.