Festa do balonmán galego no Municipal co Memorial Manuel Luaces

Pontevedra
22 de decembro 2023

O Club Cisne Balonmán e a Selección Galega Absoluta medíronse este venres na XXX edición do Memorial Manuel Luaces celebrado no Pavillón Municipal dos Deportes

XXX Memorial Manuel Luaces entre o Cisne e a Selección Galega Absoluta Mónica Patxot

O Pavillón Municipal dos Deportes viviu este venres 22 de decembro unha xornada festiva para o balonmán galego.

Así se disputou unha cita xa tradicional para o Club Cisne Balonmán, coa XXX edición do Memorial Manuel Luaces nunha tarde de intensa actividade.

Os primeiros en abrir a celebración foron os deportistas das categorías benxamín e alevín, que precederon a un encontro entre o filial do Cisne, o BM Poio Artai, e a Selección Galega Xuvenil que prepara nesta datas a súa participación no Campionato de España.

As novas promesas do balonmán galego impuxéronse nun apertado partido por 25-26.

Chegaba despois como fin de festa o prato forte, co regreso ás canchas cinco anos despois da Selección Galega Absoluta, dirixida polo pontevedrés Víctor García 'Pillo'.

Faltaban algún dos xogadores importantes do panorama galego, pero estaban outros tantos nomes destacados para gozar dunha xornada de bo ambiente e amor polo deporte. O resultado case era o de menos, aínda que o electrónico terminou indicando un 36-33 a favor do Cisne.

A xornada contou ademais cunha vertente solidaria cunha recollida de peluches e jueguetes en favor da Asociación Boa Vida.