Fichaxe 'mediática' do Bádminton Ravachol co inglés Sid Palakkal

Pontevedra
03 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

O xogador de orixe india, coñecido no bádminton internacional pola súa faceta de xogador e tamén de creador de contido especializado, reforzará o equipo pontevedrés en División de Honra

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Cartagena Cristina Saiz

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra avanza na planificación da que será a súa sexta tempada consecutiva na División de Honra.

Faino ademais cun golpe de efecto mediático grazas a unha incorporación internacional.

O Ravachol pechou a fichaxe do inglés Sid Palakkal, xogador de orixe india cun amplo currículo internacional e que ocupa actualmente o posto 98 do ranking europeo.

Con el o conxunto pontevedrés aumentar a súa competitividade nos partidos individuais masculinos.

Pero é que ademais Palakkal é coñecido por ser unha referencia mediática no mundo do bádminton como creador de contido especializado. A través da conta 'manchester_badminton' acumula preto de 100.000 segudiores. Alí adoita compartir adestramentos, trucos e experiencias en torneos.

"É un luxo contar cun xogador como Sid. Desde o primeiro contacto conectamos moi ben, compartimos a visión sobre o deporte e a súa incorporación será un salto de calidade para o equipo. Achegará moito dentro e fóra da pista, non só polo seu nivel, senón tamén polo seu carácter profesional e a súa capacidade de xerar ilusión. Está encantado de afrontar o reto de xogar na liga española, que compaxinará cos seus compromisos internacionais", explica o director deportivo do Bádminton Ravachol, Jesús Pereiro.

Trátase da primeira incorporación, que se sumará a un plantel no que continuará a maior parte do bloque dos últimos anos.

"As renovacións están moi avanzadas coa maioría dos nosos xogadores. A nosa idea é dar continuidade a un grupo que foi clave nos éxitos recentes do club, e á vez ampliar o plantel para cubrirnos ante lesións ou baixas por compromisos individuais", avanza Pereiro.