A primeira volta da liga LEB Oro concluíu esta fin de semana co Peixe Galego ocupando o último lugar da clasificación. A permanencia é un soño máis que un obxectivo para o conxunto da Raña, pero os de Marín non renuncian a obrar outro milagre. E para facelo realidade acaban de facer oficial a chegada de Sangone Niang, un dos mellores xogadores da tempada pasada en LEB Prata que non estaba a gozar de minutos no Guipúzkoa Basket, segundo clasificado na antesala de ACB.
O franco senegalés chega para ocupar o oco deixado por Filip Toncinic, un xogador que chegou en novembro para reforzar o xogo interior despois da baixa do inadaptado Diago Quinn. O croata, que tampouco chegou a encaixar do todo nos plans de Llorente, participou en sete partidos para promediar uns nove puntos por partido. Club e xogador chegaron este luns a un acordo para rescnidir a súa vinculación contractual, aínda que desde a directiva do Peixe deséxanlle "os mellores éxitos".
As esperanzas están postas agora en Sangone Niang, de 183 centímetros de altura. O xa ex-xogador do Guipuzkoa Basket, aínda que se define como base, destaca pola súa velocidade e a súa capacidade para anotar desde diferentes posicións da cancha. Iniciou a tempada en Palencia, club do que se desvencellou en outubro para recalar en Guipúzkoa, cos que debutou en decembro e promediou, en 4 aparicións, 4,8 puntos por partido.
Para coñecer a mellor carta de presentación do franco senegalés hai que retroceder unha tempada. O xogador formou parte do Aquimisa Zamora co que foi elixido no quinteto ideal da categoría e mesmo competiu co ex-xogador do Peixe, Jordan Gregory, por ser o máxmo anotador da categoría (14,8 puntos por partido).
Ademais de xogar en diferentes equipos en España, tamén tivo experiencias na liga sueca ( KFUM Nassjo) e na arxentina (Estudantes Concordia).