Fin á etapa de Míchel Alonso como adestrador do Arosa

O Salnés
11 de febreiro 2025
Actualizado: 10:58

O club arlequinado confirmou este martes a substitución no seu banco en busca dunha reacción despois de encadear seis xornadas sen coñecer a vitoria

Presentación de Míchel Alonso como adestrador do Arosa Arosa SC

O proxecto de Míchel Alonso como adestrador do Arosa chega ao seu fin.

O club arlequinado confirmou este martes a substitución no seu banco, na procura dunha reacción tras unha profunda crise de resultados que lles deixa en quinta posición, a última de play-off, a oito puntos do primeiro posto.

Míchel chegaba no verán ao equipo da Lomba cun proxecto ambicioso, co obxectivo de ascender a Segunda RFEF e con decisións para profesionalizar o traballo do club, impondo por exemplo os adestramentos en horario matinal.

Tras pechar importantes reforzos, ao proxecto custoulle arrincar, con derrotas nas tres primeiras xornadas de liga.

Con todo o equipo reaccionou chegando á xornada 15, o pasado 14 de decembro, na segunda posición a 4 puntos do líder, a UD Ourense, tras vencer o Estradense a domicilio.

Foi a última vitoria até a data, encadeando desde entón o cadro vilagarcián seis xornadas sen gañar (catro empates e dúas derrotas) que acabaron por motivar o cambio de rumbo.

A saída de Míchel Alonso tamén supón a marcha de Álvaro Cano como preparador físico.

"O club expresa o seu sincero agradecemento pola entrega, o traballo e a profesionalidade que demostraron nestes meses e deséxalles a mellor das sortes no seu futuro", sinalou o Arosa tras facer oficial a noticia.

David López 'Perú', adestrador do equipo xuvenil división de honra, farase cargo do primeiro plantel de maneira interina acompañado por Alex Tubío como preparador físico.