Fran Fandiño, o único granate que non descansa en Nadal

Pontevedra
25 de decembro 2014

O futbolista encara a fase final da recuperación da súa lesión de xeonllo, que o obrigou a pasar polo quirófano. Acode todas as mañás á Clínica de Rehabilitación Domínguez e en poucos días iniciará a carreira continua. O seu obxectivo, estar recuperado a mediados do mes de xaneiro

Fran Fandiño, durante un adestramento co Pontevedra
Fran Fandiño, durante un adestramento co Pontevedra / Mónica Patxot

O primeiro plantel do Pontevedra encóntrase de vacacións ata o próximo día 29 de decembro, data fixada por Luisito para a volta aos adestramentos.

Cos deberes feitos e o campionato de inverno asegurado, os granates gañaron o descanso, pero non todos paran nestas festas.

Fran Fandiño segue exercitándose diariamente co obxectivo de estar dispoñible para o técnico a mediados do mes de xaneiro.

O centrocampista acode diariamente á Clínica de Rehabilitación Domínguez para recuperarse da grave lesión de xeonllo que o obrigou a pasar polo quirófano o pasado mes de outubro.

Encóntrase xa na última fase da súa recuperación e en poucos días comezará coa carreira continua. Por iso, aínda que a clínica peche os días festivos, el non pensa parar traballando "en casa con la bicicleta y si me dejan saldré a correr".

Fran non descarta mesmo participar na San Silvestre, á que se inscribiu, asegurando que "si puedo la haré, aunque a mi ritmo claro". Todo por "ganarle una semana" ao período establecido polos médicos, que polo momento se está a cumprir.

O futbolista pontevedrés ten previsto empezar co traballo de campo cando o equipo volva aos adestramentos e pouco despois empezará a tocar balón: "para el partido de Bergantiños espero estar trabajando con el grupo y para el siguiente intentaré ya poner en aprietos al mister", explica animadamente.

Con todo sabe do difícil que será facerse un oco no once titular, pero o lerezano poñerá todo da súa parte para conseguilo e ser un home importante no tramo final da tempada.