A segunda cita no seu calendario de 2021 estase convertindo nun reto maiúsculo para Pablo Dapena, como xa o foi a súa participación no Challenge de Miami.
En Estados Unidos o pontevedrés non terminou do todo satisfeito co seu rendemento, finalizando no 12º posto tras máis dun ano sen competir, nunha carreira cun nivel superlativo que se adxudicou o actual campión mundial de Ironman, Jan Frodeno.
Foi a primeira vez que Dapena compartía competición co alemán, toda unha lenda, pero esa circunstancia non tardará en repetirse, e é que Frodeno 'apuntouse' tamén ao próximo reto do pontevedrés, o Challenge Mogán Gran Canaria que terá lugar o próximo 24 de abril.
A lista de saída da proba canaria, de media distancia, terá pouco que envexar á de Miami sumándose á nómina de campións mundiais tamén Patrick Lange, campión do mundo Ironman en 2017 e 2018.
Curiosamente Lange foi terceiro nesta cita en 2018, cando a gañou Pablo Dapena.
Entre outros na lista provisional de saída do Callenge Mogán figura tamén outro gran nome do tríatlon galego, Iván Raña.