Futuro garantido no Club Natación Galaico

Pontevedra
29 de xullo 2016

As nadadoras junior do club pontevedrés, que conseguiron catro medallas no recente Campionato de España de Verán, foron recibidas este venres no Concello

Equipo junior do Galaico recibido no Concello
Equipo junior do Galaico recibido no Concello / Mónica Patxot

Cinco medallas foi o balance do Club Natación Galaico no recente Campionato de España de Verán nas Palmas, unha de Bea Gómez en categoría absoluta e catro dun equipo junior que garante o recambio xeracional na entidade, polo menos en categoría feminina.

Águeda Cons, Inés Gómez, Lara Gómez e Nuria Erselle foron recibidas este venres no Concello polos seus recentes éxitos, acompañadas polo seu adestrador Diego Pérez e o presidente do club, Miguel Cano.

En Canarias lograron unha prata na remuda 4x200 junior, quedando a pesar da súa idade preto do récord galego absoluto. Ademais Águeda Cons sumou outros tres metais (dous ouros e unha prata) e nadou nunhas grandes marcas que lle colocaron entre as grandes promesas nacionais.

Pero pese ao éxito non hai tempo para o descanso, xa que precisamente Águeda pensa en novo retos e concentrarase o 15 de agosto co equipo nacional de augas abertas, co que participará no próximo Campionato de Europa, en Italia.

CAMPUS DE INICIACIÓN BEA GÓMEZ

Aproveitando a recepción municipal, o Galaico deu a coñecer o Campus de Iniciación Bea Gómez, que organizará entre os días 1 e 9 de setembro no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños.

A iniciativa está dirixida a nenos nados a partir do ano 2005 cun horario de actividade de 9:00 a 13:30 horas. Os interesados en inscribirse poden facelo a través do correo electrónico [email protected]