Águeda Cons, obxectivo Tokyo 2020

Pontevedra
05 de outubro 2016

A nadadora do Galaico foi incluída esta tempada no Programa ESP-2020, que tutela ás novas promesas da natación nacional co obxectivo de guialos aos próximos Xogos Olímpicos. Seguirá adestrando no CGTD de Pontevedra, pero contará o apoio da Federación Española en competicións e concentracións co equipo nacional

Águeda Cons coa medalla de ouro conseguida nas Palmas
Águeda Cons coa medalla de ouro conseguida nas Palmas

Ademais de Bea Gómez Cortés, que seguirá adestrando no centro de alto redimiento da Residencia Blume en Madrid dentro da disciplina do equipo nacional, a Federación Española estará pendente neste ciclo olímpico doutra nadadora do Galaico, Águeda Cons.

A deportista pontevedresa foi incluída no Programa ESP-2020, que tutela ás novas promesas da natación nacional co obxectivo de guialas aos próximos Xogos Olímpicos.

Aínda que seguirá adestrando ás ordes de Luisa Domínguez no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, na ciuda de Lérez, Águeda contará o soporte dos programas de apoio da Federación Española en competicións e concentracións.

De feito ademais de acudir ás competicións internacionais que decidan os técnicos nacionais, ten fixadas no calendario varias concentracións no CAR de San Cugat e en altura, no CAR de Serra Nevada.

Todo para seguir progresando nas probas nas que logrou a marca mímina que esixía o Programa ESP-2020 para a súa idade, é dicir, os 800 libre (o seu tempo é de 8:39.99) e os 400 libre (4:15.47).

Águeda, nacida no ano 2000, deberá referendar estas marcas e melloralas ao longo do ano nas competicións marcados, como campionatos de España ou Europa para permanecer neste programa, que ten a vista posta nos Xogos Olímpicos de Tokyo.

PAULA GOYANES, CONCENTRADA CO EQUIPO NACIONAL DE AUGAS ABERTAS

Outra das deportistas do Club Natación Galaico, Paula Goyanes, foi convocada polo equipo nacional de augas abertas para participar na concentración que levará a cabo no Centro de Tecnificación Deportiva Mar Menor, en Murcia, do 9 ao 13 de outubro.

Paula preparará alí a súa participación, o día 15 de outubro, nunha proba de 10 quilómetros na localidade portuguesa de Funchal, nas Illas Madeira.