Galicia presenta as súas armas para Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas

Pontevedra
06 de xaneiro 2020

A Selección Galega convocou a 35 ciclistas para participar os días 11 e 12 de xaneiro no Campionato de España de Ciclocrós que se se disputará en Pontevedra

Derradeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós 2019 Diego Torrado

A poucos días de que se celebre por segundo ano consecutivo en Pontevedra o Campionato de España de Ciclocrós a Selección Galega vela armas co obxectivo de protagonizar un bo papel na casa.

O seleccionador autonómico, Guillermo Sande, confeccionou unha lista con 35 ciclistas que representarán a Galicia os días 11 e 12 de xaneiro no renovado circuíto da Illa das Esculturas nas diferentes categorías.

Non aparece nela a marinense Irene Trabazo, recente vencedora da Copa de España Sub-23 e tamén da Copa Galicia, pero si ciclistas locais como os júnior Laura Capa (Aleata Farto) e Zoe del Río (XSM), os cadetes Laura María Mira (Ciudad de Pontevedra), Claudia Pérez (Corbelo) e Álex Esperón (Poio Bike Club), ou o corredor sub-23 do Froiz Adrián Barros.

O resto da Selección Galega compóñena os elite Saúl López (Maceda) e Daniel López (Cambre); os sub-23 Carlos Canal (BH Burgos), Ángel Maneiro (Toxo), Óscar Fernández (Avanza), Carla Fernández (Río Miera), Andrea García (Maceda) e Zaida González (O Rosal); os júnior Yraya Groba (Salvaterra), Aida González (Maceda), Aroa Mediavilla (Cambre), Zaira Vila (Coruxo), Noela Saa (Maceda), Borja Gómez (Ponteareas), Fabián Rodríguez (Betanzos), David Fernández (Avanza), Jorge Fernández (Vigo-Rías Baixas), Anxo Carril (Coruxo) e Miguel Rodríguez (Ponteareas); e os cadetes Marta García (Cambre), Vania Gregores (Ponteareas), Sonia Domínguez (Cambre), Sarela Conde (Maceda), Uxía Soto (Avanza), Hugo Martínez (Avanza), Andrés Valverde (Vigo-Rías Baixas), André Martínez (Avanza), Iván Fernández (Bici Verde) e Ricardo Martín (Coruxo).

O equipo galego complétase na categoría máster cos dous primeiros da súa categoría na Copa Galicia e cos campións autonómicos do pasado 28 de decembro no Porriño.