Repetir as 8 medallas de 2019, obxectivo de Galicia no Nacional de Ciclocrós de Pontevedra

Pontevedra
10 de xaneiro 2020

A Selección Galega que participará esta fin de semana no Campionato de España de Ciclocrós na pontevedresa Illa das Esculturas presentouse oficialmente cun acto no Teatro Principal

Presentación da Selección Galega de Ciclocrós que competirá no Nacional
Presentación da Selección Galega de Ciclocrós que competirá no Nacional / Cristina Saiz

O Campionato de España de Ciclocrós déixase notar xa na cidade, a poucas horas de que comecen as carreiras no circuíto da Illa das Esculturas.

Ademais dos adestramentos deste venres no circuíto, a xornada previa ao Nacional serviu para presentar oficialmente á Selección Galega que defenderá o pavillón local a beiras do río Lérez.

O Teatro Principal foi escenario dunha foto de grupo cos 35 ciclistas seleccionados polo combinado autonómico nas categorías Cadete, Júnior, Sub-23 e Elite.

O obxectivo, complicado, será repetir as 8 medallas que logrou Galicia o pasado ano, tamén en Pontevedra, con catro ouros, dúas pratas e dous bronces.

A primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós comezará ben pronto, ás 9:00 horas do sábado cos ciclistas Máster 50 e 60 masculinos, seguindo ás 10:20 horas os Máster 40, ás 11:45 os Máster 30 e ás 12:50 horas as cadetes e máster femininas. Para a tarde quedan as categorías cadete masculina (15:30) e júnior masculina (16:20). O domingo pola súa banda será quenda das carreiras sub-23 masculina (10:00 horas), elite e sub-23 feminina (11:30) e a categoría elite masculina (13:30 horas).