Gimnástica e Froiz asinan un acordo de patrocinio coa Deputación

Pontevedra
03 de maio 2016

A institución provincial matiene a axuda de 25.000 euros ao club de atletismo pontevedrés e aumenta ata 30.000 euros a do equipo ciclista

Sinatura do convenio de patrocinio entre Deputación e Sociedad Gimnástica
Sinatura do convenio de patrocinio entre Deputación e Sociedad Gimnástica / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra asinou este martes senllos convenios de patrocinio con dous dos clubs deportivos máis representativos da provincia, como son a Sociedad Gimnástica e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

No caso do club atlético, institución deportiva máis antiga da cidade, a axuda da institución provincial mantense con respecto á pasada campaña, con 25.000 euros destinados ao seu equipo senior, que milita na División de Honra masculina.

Unha cantidade que resulta tamén importante para manter a actividade nas súas diferentes categorías, nas que conta con máis de 400 deportistas federados.

Pola súa banda, o Froiz viu incrementada a cantidade económica de patrocinio, pasando dos 25.000 euros do pasado ano aos 30.000 actuais, segundo confirma a Deputación.

O equipo ciclista, segundo máis lonxevo do pelotón nacional con 27 anos ás súas costas, comprométese a cambio a incluír no seu equipamento e vehículos o logotipo da administración pública.