A Gladiator Kids pon a proba aos máis pequenos de Pontevedra

Pontevedra
07 de xuño 2026

A versión infantil da Gladiator Race congregou este domingo a máis de 400 nenos na Illa das Esculturas para afrontar diversos obstáculos e desafíos adaptados ás súas idades

Gladiator Kids celebrada en Pontevedra

Pontevedra vibrou este sábado co desafío da Gladiator Race, unha das probas estrela no calendario deportivo da cidade que celebrou este domingo a súa versión adaptada para os máis pequenos.

Trátase da Gladiator Kids, unha proba deseñada para poder ser completada por nenos e nenas de todas as idades pero coa mesma esencia de esixencia e superación que a versión adulta da mesma.

E co afán de superar cada proba e obstáculo que se presentase, máis de 400 pequenos gladiadores citáronse na contorna da Illa das Esculturas na mañá deste domingo.

Desde as 10:00 puideron recoller os seus dorsais e ás 11:00 arrincou a competición con saídas graduadas en pequenos grupos, mesmo modus operandi que na Gladiator Race.

Tiveron que correr, saltar, rubir ou reptar por diversos obstáculos para superar os percorridos de 500 e 800 metros adaptados ás idades dos participantes.

Do mesmo xeito que na xornada do sábado, o agradable clima permitiu gozar ao completo dunha experiencia que se afianza cada vez máis na cidade do Lérez.

Tanto é así que esta undécima edición da proba organizada por NOKAO bateu todas as marcas de inscricións ao completar as prazas no mes de marzo e deixar a máis de 500 persoas en lista de espera.

Lonxe do afán competitivo, a mellor das noticas nesta xornada dominical é que as familias da Boa Vila puideron gozar dunha xornada repleta de deporte e diversión nunha contorna idónea para iso.