Gómez Noya pospón o seu debut nas Series Mundiais ata Leeds e renuncia a pelexar polo título

Pontevedra
20 de abril 2016

Así o asegurou o seu adestrador, Carlos David Prieto, en declaracións á Televisión de Galicia. O pentacampión mundial non participará esta fin de semana en Cidade do Cabo e tampouco ten previsto correr en Yokohama. O seu debut oficial esta tempada será, probablemente, o Campionato de Europa en Lisboa a finais de maio

Gómez Noya, celebrando o seu quinto triunfo nas Series Mundiais de tríatlon
Gómez Noya, celebrando o seu quinto triunfo nas Series Mundiais de tríatlon

Javi Gómez Noya non pelexará esta tempada por revalidar o seu título de campión das Series Mundiais de tríatlon pensando, unicamente, en chegar nas mellores condicións aos Xogos Olímpicos de Río no mes de agosto.

Por ese motivo o triatleta galego non participará esta fin de semana en Cidade do Cabo, terceira cita das Series Mundiais, e tampouco na seguinte cita, en Yokohama.

O seu debut nesta competición producirase "posiblemente en Leeds, en xuño", recoñeceu o seu adestrador, Carlos David Prieto, en declaracións á Televisión de Galicia. "Este ano non vai disputar o Mundial e só vai ser para preparar os Xogos", completou o preparador.

En plena fase de preparación, Gómez Noya ten previsto probar o seu estado de forma no campionato francés de clubs e estrearse esta tempada nunha gran competición a finais de maio no Campionato de Europa que se celebrará en Lisboa.

Este non era a idea inicial do pentacampión mundial, pero unha molestia física durante a pretemporada obrigou a variar a planificación do ano, co único obxectivo de lograr a medalla de ouro en Río de Janeiro.