Primeira saída no Pontevedra Club de Fútbol durante o mercado invernal. Gonzalo García Cea deixou de ser xogador do club granate "por motivos persoais", segundo sinala a entidade nun conciso comunicado.
O centrocampista coruñés despediuse este mércores no adestramento de compañeiros e corpo técnico.
Estaba a ser unha tempada moi complicado para Gonzalo, na súa segunda etapa en Pasarón, xa que aos poucos minutos cos que estaba a contar uniuse a inicio de curso o tráxico falecemento do seu irmán, que fixo que fose baixa durante varias semanas con permiso do club.
Aínda que só disputou catro encontros de liga (246 minutos en total), era agora cando máis estaba a entrar nos plans de Luisito, que o incluíu na aliñación titular nos dous últimos partidos do ano, ante Arandina e Caudal. Ademais esta campaña participou nun dos partidos de Copa Federación, ante o Alondras.
A súa saída deixa libre una das fichas senior do equipo, ata agora ocupadas na súa totalidade, que permitirá á dirección deportiva ampliar as súas opcións de fichar no mercado invernal a un futbolista contrastado, sendo a prioridade buscar unha fichaxe para a dianteira tras a lesión de Mario Barco.