Bo papel o que desempeñou o pontevedrés Pablo Dapena no Campionato de España de tríatlon na distancia olímpica que se celebrou este sábado en Altafulla (Tarragona).
Xa recuperado das lesións que o lastraron durante toda esta temporada, logrou finalizar a proba na sétima posición. Quedou a pouco máis dun minuto e medio do gañador, o catalán Nan Oliveras. O galego Uxío Abuín colgou a medalla de bronce, ao rematar terceiro.
A proba comezou a definirse xa na auga, ao formarse un grupo duns catorce deportistas nos que estaban todos os favoritos, entre eles os galegos Uxío Abuín, Antonio Serrat, Pablo Dapena ou Diego Paz, ademais de Nan Oliveras, Antonio Benito ou David Castro.
Así, seguiron xuntos ata a segunda transición, trala carreira ciclista, da que saíron cunha vantaxe de máis de dous minutos sobre o segundo grupo.
Desta forma, estaba claro que o triunfo se decidiría no grupo de cabeza e na carreira a pé, pero Nan non deu opción e logrou escaparse en solitario. Por detrás, un bonito duelo entre David Castro, Uxío Abuín, Fidalgo e Benito pola segunda posición, que se decidiu no último quilómetro a favor do primeiro.
O ouro, polo tanto, foi para Nan Oliveras (01:53:46), a prata foi para David Castro (01:54:10) e o bronce para Uxío Abuín (01:54:13). A sexta posición foi para Antonio Serrat (01:54:44), mentres que Pablo Dapena foi sétimo (01:55:27).
Ao remate da proba, o propio Pablo Dapena mostrou a súa satisfacción polo seu rendemento neste campionato a través da súa conta de Twitter.