Guilherme Valadao aterra en Pontevedra para salvar o Cisne e conseguir o seu billete a Tokio

Pontevedra
12 de marzo 2021

O lateral brasileiro firma ata final de tempada pero necesitará unhas semanas para recuperar o ritmo de competición, pois leva unha tempada sen xogar porque a competición en Brasil está paralizada pola covid-19

Guilherme Valadao
Guilherme Valadao / Mónica Patxot

Leva semanas en contacto co corpo técnico e os seus compañeiros, xa sabe o que é adestrar ás ordes de Jabato e mesmo disputou este xoves o seu primeiro partido co seu novo equipo, pero a presentación oficial de Guilherme Valadao como novo xogador do Cisne tivo lugar na tarde deste venres. "Estou moi contento de volver a España e a un equipo moi de base e de canteira como o Cisne, que a xente é como unha familia e xa desde o primeiro día convídanme a cafés. Fai que me atope ben e déixame máis a gusto para traballar", confesou o lateral esquerdo brasileiro.

O presidente da entidade, Santi Picallo, explicou que a chegada de Valadao prodúcese como resposta aos imprevistos que sufriu o primeiro equipo durante toda a tempada. A marcha de David Chapela e a recente lesión de Andrés Sánchez evidenciaron as carencias do cadro branco na primeira liña, por iso cando xurdiu a oportunidade de atar a un xogador da talla do internacional brasileiro non dubidaron en aceptar.

"Agradecemos a súa aposta. Sabemos que tiña outras ofertas e aínda que vén sen xogar, estamos convencidos da calidade que ten. Os informes que recavamos son excepcionais como xogador e como persoa", declarou o dirixente recoñecendo que o contrato é por tres meses, ata final de tempada e que o seu obxectivo é recuperar o seu mellor nivel para estar coa súa selección nos Xogos Olímpicos e axudar ao seu novo club a loitar pola permanencia en Asobal.

O propio Guilherme admite que necesitará unhas semanas para recuperar o ritmo de competición. "En Brasil coa pandemia non tivemos partidos e levo moito sen xogar. Necesito coller ritmo, pero a verdade é que me atopo moi ben e fisicamente estiven traballando moito. En nada estarei para xogar a full", asegura.

Decidiuse polo conxunto branco polas facilidades que lle ofreceron á hora de adestrar, unha marxe de tempo para recuperar a forma e a promesa dos minutos de xogo necesarios para manter o seu oco no combinado olímpico brasileiro. Valadao promete rendemento en todas as facetas do xogo: "defensa, ataque, repregamento ou transicións", pero sobre todo promete achegar experiencia e calma ao xogo colectivo. "Hai momentos nos que tes que coller o balón e poñelo debaixo do brazo e dar calma. É o que lle faltaba ao Cisne, que son moi explosivos e fortes no un contra un", dí

Con esa achega de experiencia non dubida o recentemente chegado das opcións de permanencia en Asobal. "Claro que se pode soñar coa permanencia. Temos un calendario apertado pero temos partidos en casa que si que podemos gañar e en casa. Ademais a xente que agora volve ás bancadas, iso conta moito. Será duro pero temos moitas posibilidades", confía.

De logralo, non descarta ampliar o seu vínculo cun club ao que acaba de chegar pero ao que xa lle fixo un oco no seu corazón. "O Cisne é un equipo diferente ao que xoguei. Gústame que despois do ascenso, todos os do equipo seguisen. O plan é moi bo e a xente está moi a gusto. É unha familia", afirma o brasileiro que desexa "estar aquí celebrando que quedamos un ano máis en Asobal e oxalá volver poñerme a camiseta outra vez", rematou.