Pequeno respiro para o Dicsa Modular Cisne, que non coñece a vitoria no que vai de ano na Liga Asobal pero que segue confiando en dar a batalla pola permanencia.
Esa batalla pasa por unha semana clave no calendario, cos partidos fixados o mércores 31 de marzo fronte ao Cangas no Municipal e o 3 de marzo a domicilio ante o Nava, equipos ambos os dous que suman 12 puntos polos 7 dos pontevedreses.
Antes deles os de Jabato recibirán aínda o Logroño en casa, o vindeiro sábado 27 de marzo (17.00 horas), pero o seu terrorífico calendario despexouse un pouco dando espazo para preparar a conciencia o momento, quizais, máis decisivo da tempada.
Inicialmente a intención era recuperar a xornada perdida contra o Granollers este mesmo mércores 24, pero o encontro recolocouse e xogarase finalmente o 13 de abril.
Desta forma a cita cos cataláns pasa ao final do particular maratón que ten por diante o Cisne, xogándose tras recibir o Guadalaxara na casa (10 de abril) e antes de visitar ao todopoderoso Barcelona (17 de abril).