A quinta proba da Copa España Elite e Sub-23 de ciclismo disputouse este domingo en Castellón con motivo do Memorial Pascual Momparler. O equipo do Súper Froiz conseguiu terminar a xornada con boas noticias tras os positivos resultados da proba. Nesta ocasión, os deportistas tiveron que percorrer 163 quilómetros, con saída e chegada en Villanueva e con catro subidas puntuables.
Por unha banda, a regularidade e o traballo de Guillermo García, que conseguiu facerse coa clasificación xeral das metas volantes, dálle estabilidade ao grupo. Así, con cinco puntos, liderou dita lista de competidores, seguido por Eusebio Pascual e Miquel Faus (3 puntos cada un).
Doutra banda, Diego Noriega, que finalizou a etapa en décima quinta posición, consegue, xunto co anterior, achegar un plus ao cadro galego de cara ás probas restantes da competición nacional. O Froiz acabou quinto na clasificación por equipos a 03:12.
Finalmente, o vencedor da carreira deste domingo foi Roger Adrià, que se coroou campión tras unha polémica chegada á liña de meta. Esta foi posteriormente revisada polos xuíces da competición, posto que varios ciclistas saltaron unha rotonda que se atopaba dentro do traxecto. Así, o club Lizarte, ao que pertence o deportista catalán, logra a súa segunda vitoria no circuíto nacional xunto co anterior triunfo de Kiko Galván no Trofeo Guerrita.
Consulta as clasificacións da Copa España Élite e Sub-23 de ciclismo.