Histórico podio do Tenis de Mesa Monte Porreiro na Copa do Rei

Pontevedra
16 de xuño 2021

Por primeira vez na súa historia, o equipo pontevedrés pisa o podio dunha das competicións máis prestixiosas da tempada. Só o potente Priego TM, recentemente proclamado campión da Superdivisión, foi capaz de apartar o Monte Porreiro da gran final

Partido da Superdivisión entre o TM Monte Porreiro e o CD Covirán Huetor Vega TM
Partido da Superdivisión entre o TM Monte Porreiro e o CD Covirán Huetor Vega TM / Cristina Saiz

O Tenis de Mesa Monte Porreiro rompeu unha das poucas barreiras que xa quedan na alta competición, ao conseguir subir por primeira vez na súa historia ao podio nun das competicións máis prestixiosas da tempada, a Copa do Rei.

O Visit Pontevedra desprazouse á localidade malagueña de Antequera sen complexos nin presión, tras conseguir cumprir o seu principal obxectivo do ano logrando a permanencia na Superdivisión, e coa intención simplemente de realizar un bo papel.

Vaia se o conseguiron. Os pupilos de Nando Álvarez superaron a fase de grupos na segunda posición, tras ceder fronte ao Borges Vall catalán (1-3) pero vencendo de maneira clara a Parla (3-0) e CTM Veigas do Genil (3-0).

Eses resultados permitiron ao Monte Porreiro avanzar ata os cuartos de final, nos que volveron vencer por un contundente 3-0 grazas ás vitorias de André da Silva, Nico Galvano e Martín Betancor, integrantes do equipo xunto a Nacho Fernández.

Xa en semifinais esperaba o 'coco' da competición, un Priego TM que viña de proclamarse a fin de semana campión da Superdivisión. O rival máis duro posible e que mostrou a súa superioridade vencendo por 3-0 e cedendo só unha manga nos tres encontros.

A pesar da derrota e non poder acceder á final da Copa, o Monte Porreiro regresa de Antequera coa cabeza moi alta e "máis que orgullosos" por pasear " o nome de Pontevedra con máis orgullo que nunca", defendeu tras a intensa xornada Nando Álvarez.