O Tenis de Mesa Monte Porreiro foi recibido este martes no Concello de Pontevedra tras os recentes resultados conseguidos pola súa estrutura feminina. En concreto pola medalla de bronce do equipo infantil no Campionato de España e a prata conseguida por Judith Cobas no Nacional Sub-23.
"Estamos a dar un salto de calidade moi importante con estas medallas", defendeu o director técnico do club pontevedrés Nando Álvarez, acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
"Creo que estamos a construír un proxecto para que estas nenas cheguen á máxima categoría", sinalou Álvarez coa ambición de que o equipo feminino poida ascender máis pronto que tarde á Superdivisión acompañando así ao bloque masculino.
É a aposta dun club que ten o futuro ben asegurado, á espera de poder seguir crecendo cando poida dispoñer dunha instalación propia, un aspecto que "agardo que nas vodas de prata poida ser unha realidade", confirmou Lores situando o horizonte desta infraestrutura no ano 2023.