O Tenis de Mesa Monte Porreiro coñece aos seus primeiros rivais europeos

Pontevedra
29 de xullo 2021

O sorteo da fase de grupos da ETTU Cup, segunda competición continental, emparellou ao club pontevedrés para o seu debut europeo co Fortune Kyiv ucraíno e o Logis Auderghem TT belga

Sorteo da ETTU Cup de tenis de mesa na que participará o Monte Porreiro
Sorteo da ETTU Cup de tenis de mesa na que participará o Monte Porreiro

A tempada máis importante da historia do Tenis de Mesa Monte Porreiro empeza a definirse tras o sorteo de competición da primeira fase da ETTU Cup, que supoñerá o debut europeo do club, e as datas e formato da  Superdivisión nacional.

En canto á estrea do Monte Porreiro na segunda competición continental, os pontevedreses xa teñen aos seus dous primeiros rivais á espera de coñecer os equipos procedentes da ETTU Champions League que completarán o Grupo B, no que quedaron encadrados.

Eses rivais serán o Fortune Kyiv ucraíno e o Logis Auderghem TT belga. A eles sumaranse dous nomes de equipos que cedan na primeira rolda do máximo torneo europeo. Todo iso a partir do 22 de outubro, data provisional para o inicio do torneo.

Como aspecto negativo, o Monte Porreiro tivo que renunciar á opción de ser sede desta fase de grupos ante as duras esixencias que establecían a Federación Europea.

Os outros dous equipos españois en competición, o Universidad de Burgos e o Real Cajasur Priego TM quedaron repartidos nos grupos A e  C respectivamente.

O INICIO DA SUPERDIVISIÓN, O 16 DE OUTUBRO

Xunto ao sorteo da ETTU Cup, o Monte Porreiro sabe xa o camiño que lle espera a próxima tempada na Superdivisión, nunha campaña na que espera dar un paso á fronte cun equipo reforzado tras as últimas fichaxes.

A falta de coñecer a repartición por grupos, a máxima categoría nacional dará comezo o 16 de outubro cunha tempada que repite formato con dous grupos seis equipos na súa primeira fase.

Ao termo da mesma os catro mellores de cada grupo pasarán a xogar o play-off polo título de liga, mentres que os dous últimos xogarán pola permanencia cos rivais do grupo contrario para tentar escapar dos dous postos de descenso.