O internacional Míguel Ángel Vílchez e o ruso Ilia Isakov, reforzos do Monte Porreiro para o seu desafío europeo

Pontevedra
21 de xullo 2021

"Nunha tempada complicada e longa van vir ben", recoñece o director deportivo do club pontevedrés, Nando Álvarez, pensando na participación do equipo na  Superdivisión e na ETTU Cup, segunda competición continental

Míguel Ángel Vílchez, no Open de Luxemburgo 2015
Míguel Ángel Vílchez, no Open de Luxemburgo 2015

A estrea do Tenis de Mesa Monte Porreiro en competición europea trae consigo un importante esforzo para o club pontevedrés no económico e tamén no deportivo, sendo necesario reforzar o seu plantel para o desafío que se lle presenta.

Neste sentido, nada máis anunciar a súa clasificación para a ETTU Cup, o Monte Porreiro fixo oficial dúas fichaxes coas que espera dar un salto de calidade para a esixente tempada 21-22.

O primeiro deles é o internacional español Miguel Ángel Vílchez, sete veces campión de España individual en categorías inferiores e que participou coa Selección Española en competicións como o Campionato do Mundo por Equipos de 2017 ou o Campionato de Europa 2018. No último curso defendeu a camiseta do Sant Jordi na División de Honra.

"Rexeitou ofertas moito mellores para vir connosco", revela o director deportivo do club, Nando Álvarez, satisfeito por incorporar "un xogador do noso estilo, de raza e forza".

A segunda fichaxe é Ilia Isakov, ruso de 21 anos que a pasada campaña xogou en Galicia na Superdivisión co AD Vincios disputando 19 partidos e gañando 13 deles. "É un xogador dunha proxección incrible", analiza Álvarez.

Ambos os dous xogadores "nunha tempada tan complicada e longa van vir ben", asegurou o tamén adestrador do equipo.