O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu este venres unha sentida homenaxe aos mellores deportistas locais do ano 2015.
O acto estivo conducido polo xornalista Terio Carrera e o ex xogador profesional de baloncesto Fernando Romay, que foi unha auténtica atracción para os presentes fotografándose con nenos e adultos e demostrando o seu bo humor.
Aarón González (boxeo) e Irene Trabazo (ciclismo) foron galardoados como os mellores deportistas marinenses do ano, pero non foron os únicos premiados.
Javier Llorente (baloncesto) levou o recoñecemento a mellor adestrador, o Xadrez Marín o de mellor club e Rubén Troitiño (taekwondo) e Laura Meira (atletismo) o de deportistas revelación.
Colexio Inmaculada como mellor centro educativo, Danie de la Torre na categoría de veteranos, Tucho de la Torre pola súa traxectoria, o judo como mellor escola deportiva, Alter Saúde como entidade colaboradora e o Campionato de España de Ximnasia Acrobática como evento completaron a relación de galardoados. Ademais entregouse unha mención especial a Juan Luís González Gaviño pola súa dedicación ao deporte base, levando a ovación da noite.
Os premios da Gala do Deporte Marín 2015 déronse a coñecer o pasado 20 de xaneiro tras a reunión do xurado.