Honras oficiais para un Cisne que busca diñeiro para saír en Prata

Pontevedra
26 de xuño 2015

O Concello ofrece unha recepción oficial ao club pontevedrés polo seu ascenso a División de Honra Prata. O Cisne aínda non confirmou a súa inscrición na categoría, algo que debe facer antes do 30 de xuño

Homenaxe do Concello ao Club Cisne polo seu ascenso
Homenaxe do Concello ao Club Cisne polo seu ascenso / PontevedraViva

Cun pouco de atraso debido ao recente proceso electoral, o Concello ofreceu unha recepción oficial ao Club Cisne Balonmán polo seu ascenso á División de Honra Prata.

O Pazo de Mugartegui foi escenario dun sinxelo acto no que o presidente do club, Santi Picallo, entregou unha placa ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e un libro do 50 aniversario da entidade que tamén recibiu a nova concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

De fondo, a busca de financiamento no que está inmersa a directiva, que debe confirmar antes do 30 de xuño a súa inscrición na categoría.

O Cisne aínda non ten segura a súa participación en Prata, pero dende a entidade se mostran optimistas, principalmente tras as palabras de apoio de Lores, que prometeu "facer un esforzo" dende o goberno local.

No plano deportivo, a intención do club é contar para a nova aventura coa práctica totalidade do plantel que logrou o histórico ascenso.