Hai case un ano que debutou coa Selección Española Sub-14, marcando ademais un dobrete no primeiro encontro deste equipo nacional, e desde entón consolidouse nos plans das categorías inferiores da Real Federación Española de Fútbol.
Esta semana Hugo Chamadoira volveu a recibir unha citación para a Selección Española Sub-15, na que non fallou esta tempada e na que tamén demostrou xa o seu olfacto goleador.
Sen ir máis lonxe anotou un tanto na última xanela internacional, fronte a Italia, e por iso o seleccionador, David Gordo, volveuno aincluir nos seus plans.
O dianteiro pontevedrés, formado na canteira do Portero 2000 antes de dar o salto en categoría infantil ao Real Club Celta, é un dos 22 xogadores citados para un dobre partido amistoso ante Escocia.
Estes encontros disputaranse os días 29 de abril e 1 de maio na Ciudad del Fútbol de Las Rozas.
Chamadoira está a completar unha notable tempada no Cadete A do Celta, do que é o seu máximo goleador con 19 tantos.