Hugo Soto falla un 'penalti Panenka' e o Arosa patina na Lomba (2-2) co Verín

O Salnés
24 de marzo 2016

Cede terreo o Arosa na súa loita por alcanzar ao Deportivo B na cuarta praza, e faio ademais de forma sorprendente ao non ser capaz de superar no seu campo da Lomba a un equipo como o Verín, afundido nos postos de descenso, despois de remontar o gol inicial do equipo ourensán, pero non sabendo manter a súa vantaxe, encaixando o tanto do empate definitivo de penalti, a falta de 15 minutos para o final

Cardeñosa celebra o primeiro gol do Arosa fronte ao Verín na Lomba Arosa SC - Rubén Abal

Cede terreo o Arosa na súa loita por alcanzar ao Deportivo B na cuarta praza, e faio ademais de forma sorprendente ao non ser capaz de superar no seu campo da Lomba a un equipo como o Verín, afundido nos postos de descenso, despois de remontar o gol inicial do equipo ourensán, pero non sabendo manter a súa vantaxe, encaixando o tanto do empate definitivo de penalti, a falta de 15 minutos para o final.

O equipo de Piscis non puido encadear a súa terceira vitoria consecutiva, e queda agora a seis puntos do filial deportivista, pero con outros tres rivais, Rapido de Bouzas, Racing Villalbés e Barco que lle superan tamén na táboa, nese intento de meterse no play-off.

Os visitantes adiantáronse no marcador cun gol de Anderson, pero o conxunto arosista lograría remontar antes do descanso con goles de Cardeñosa, ao rematar de cabeza unha falta lanzada por Camiño, e de Sylla, rematando un bo pase de Alberto Cabanyes desde a liña de fondo.

Co marcador a favor, no segundo tempo os locais, que non fixeron un bo partido, durmíronse e o Verín aproveitouno para empatar. Sergio González transformou un penalti decretado por un claro empuxón de Sylla sobre Anderson.

Pese ao mal xogo, o Arosa tivo a ocasión de facerse coa vitoria a falta de cinco minutos. Camiño serviu un balón a Hugo Soto, que regateou a Diego, sendo derrubado polo porteiro visitante. O claro penalti lanzouno o mesmo Hugo Soto. Decidiu facelo ao Panenka pero Diego adiviñoulle a intención e detivo o lanzamento.

Xa no desconto Diego volvería salvar aos seus cunha gran parada a disparo de Camiño.

Consulta aquí o acta do partido.