Impulsan unha nova carreira popular pola Illa de Tambo

Poio
19 de xullo 2016

A proba, cun percorrido de 5.000 metros por unha pista forestal que rodea a illa, celebrarase o 7 de agosto dentro das actividades 'Tambo, un mar de historias' que organiza a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa Combarro

Illa de Tambo Mónica Patxot

O vindeiro domingo 7 de agosto a Illa de Tambo vivirá unha xornada especial, destinada a dar a coñecer este particular enclave situado no medio da ría, aínda propiedade do Ministerio de Defensa.

Dentro das actividades que prepara a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa Combarro, co título 'Tambo, un mar de historias', escóndese unha sorpresa deportiva, a creación dunha carreira popular.

A I Carreira Popular Illa de Tambo percorrerá 5.000 metros a través dunha pista perimetral da illa, con saída ás 13:00 horas.

Poderán participar nesta particular cita 150 deportistas, maiores de 18 anos, cun custo de 10 euros para o billete de ida e volta en barco.

As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o próximo 28 de xullo a través do correo electrónico avcrcombarro@gmail.com.