Inés Santiago e Antonio Serrat proclámanse en Pontevedra campións galegos de tríatlon

Pontevedra
28 de agosto 2016

A pontevedresa Carmen Gómez entrou en meta na segunda posición, na carreira absoluta feminina. Preto de 400 deportistas participaron nas diferentes probas do XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra

XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra Diego Torrado

O XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra contou finalmente este sábado coa participación de preto de 400 deportistas e dous grandes vencedores, Inés Santiago e Antonio Serrat.

Ambos se proclamaron campións galegos absolutos nas carreiras que pechaban a xornada de competición, que tamén contou con carreiras para categorías populares e inferiores.

Na proba absoluta feminina a pontevedresa Carmen Gómez pelexou polo triunfo, pero quedou finalmente a 14 segundos da súa compañeira de equipo no Tríatlon Ferrol, Inés Santiago, vencedora cun tempo de 1:02:15. Terceira foi Camila Alonso, do mesmo club, que formou parte coas súas compañeiras do grupo dianteiro desde o sector de natación, do mesmo xeito que Melina Alonso.

Cuarta con todo foi a venezolana Joselyn Brea, que remontou no sector de carreira a pé tras quedar previamente descolgada.

En categoría masculina o vencedor foi o vigués Antonio Serrat, revalindando o título autonómico nunha carreira que dominou desde o sector ciclista, tras chegar pegado á cabeza na primeira transición. Acabou cun tempo de 54 minutos e 51 segundos, cunha ampla vantaxe sobre o segundo, Andrés Cendán (56:29) e o terceiro, Luismo Velásquez (56:37).

Completaron o palmarés do campionato Inés Castaño e Iván Puentes como gañadores en idade cadete, Inés Santiago e Andrés Cendán na junior, Aida García e Pedro Antonio Esmorís en Veterán 1, Andrés López en Veterán 2 e Susana Rodríguez en paratriatlón, e é que a deportista viguesa aproveitou a ocasión para realizar un test para os inminentes Xogos Paralímpicos.

Consulta aquí as clasificacións completas do XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra.