Inoportuna lesión de Kevin Presa, baixa por unha rotura muscular

Pontevedra
25 de abril 2019

Contratempo importante para o Pontevedra Club de Fútbol, que na recta final da tempada perde un dos homes máis utilizados por Luismi. Kevin será baixa segura ante o Unión Adarve e posible nos seguintes enfrontamentos do equipo

Kevin Presa, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

Cando parecía que todo ía da mellor maneira posible no Pontevedra, con grandes resultados que lle situaron entre os catro primeiros postos e con todo o plantel dispoñible para o técnico, os granates perden a un dos homes máis utilizados nos esquemas de Luismi.

Kevin Presa lesionouse no adestramento celebrado este xoves no campo de Chan do Monte de  Cerponzóns e causará baixa no próximo encontro, ante o Unión Adarve, e posiblemente nos próximos enfrontamentos do equipo.

Tras retirarse prematuramente da sesión ao sufrir unha picada muscular nos isquiotibiais da súa perna esquerda, o canteirán pasou revisión médica pola tarde confirmándose os malos prognósticos.

A ecografía á que foi sometido revela que sofre unha "pequena rotura fibrilar a nivel proximal cun pequeno hematoma", sinala o parte médico do club.

O Pontevedra fala soamente de baixa do centrocampista para o choque do domingo en Madrid pero móstrase cauto en canto aos seguintes duelos explicando que "a resposta ao tratamento que se instaura marcará o tempo de reincorporación á competición".

En todo caso antóllase complicada a súa presenza o día 5 de maio ante o filial da UD Las Palmas, quedando no aire a súa volta para as dúas últimas xornadas da liga regular ante Atlético B e Real Madrid Castilla.