Inspectores da FIFA acudirán ao campo da Xunqueira para certificar o novo céspede

Pontevedra
01 de agosto 2017

O vindeiro xoves 17 de agosto acudirán ao campo herba sintética da Xunqueira uns inspectores da FIFA (Federación Internacional de Fútbol Asociación) para homologar o terreo de xogo coa acreditación 'FIFA Unha Estrela' co nivel FIFA Quality

Novo céspede sintético da Xunqueira PontevedraViva

O vindeiro xoves 17 de agosto acudirán ao campo herba sintética da Xunqueira uns inspectores da FIFA (Federación Internacional de Fútbol Asociación) para homologar o terreo de xogo coa acreditación 'FIFA Unha Estrela' co nivel FIFA Quality.

Os inspectores comprobarán as características e o comportamento mecánico do campo observando como se comporta fronte á pelota e fronte a un xogador, así como a resistencia a desgastes e roturas. Para iso estableceron unha serie de parámetros, no caso do balón compróbase como roda, como é un bote vertical ou un angular, e no caso do xogador mídese a absorción de impacto ao caer, ao empezar un sprint ou como se desliza ao facer unha entrada.

Se o novo céspede da Xunqueira cumpre con eses parámetros, dáselle unha homologación.

Previamente o fabricante do céspede sintético xa mandou unha mostra a un dos laboratorios da FIFA para que estude as súas características e comprobe que estas se atopan dentro dos parámetros marcados. A proba foi superada polo que céspede foi declarado apto para a instalación.

Actualmente existen 285 campos coa homologación 'FIFA Unha Estrela' en todo o mundo.

Mentres non chegan os inspectores da FIFA este martes foi a concelleira de deportes, Anxos Riveiro, quen visitou as obras do novo campo para ver a evolución dos traballos no primeiro campo de herba sintética que tivo a cidade en 1999.

Anxos Riveiro acompañada dos representantes da empresa Mecano Sport, adxudicataria da reforma, sinalou que "estamos na fase final da obra" pendentes de engadir ao céspede a mestura de area e caucho e a marcaxe das liñas. "A idea é que o terreo de xogo poida estar rematado para finais da vindeira semana", adiantou a edil.

A próxima semana haberá unha reunión para configurar os horarios de adestramento e competicións de cara a próxima tempada.