Primeira baixa confirmada, e importante, no próximo proxecto deportivo do Poio Pescamar, e que se produce a poucos días de que a competición chegue ao seu fin.
A súa capitá, Irene García, non seguirá no equipo despois de sete tempadas consecutivas na Seca.
"Tras sete anos no club que me deu a oportunidade de estar en Primeira decidín non continuar a próxima tempada", explica a propia futbolista nun vídeo compartido polo club conserveiro.
De @irenegarciadv 📝❤️🩹 pic.twitter.com/9dpJOmntQx
— Poio Pescamar FS (@PoioPescamarfs) May 21, 2025
Marcha cunha marca, a de máis tempadas consecutivas co Poio Pescamar na máxima categoría, e acumulando neste tempo máis de 200 partidos oficiais coa camiseta vermella.
Foi protagonista ademais na pista de dous títulos de Copa Galicia, e tamén nos subcampeonatos de Copa da Raíña e Supercopa, así como nas participacións no play-off polo título.
Irene quixo agradecer á afección "estar sempre aí", así como a compañeiras e persoas que apostaron por ela nos últimos anos.
"Vou botar de menos Poio, porque sempre vai ser un sitio especial", asegura na súa despedida.
Non sen antes deixar unha porta aberta a que o futuro lle volva a traer pola Seca, e é que "sei que veñen cousas moi bonitas e oxalá algún día reencontrémonos".