Irene Trabazo imponse a Lucía Vázquez e coróase como campioa galega de ciclocrós

Vilaboa
01 de xaneiro 2018

A marinense Irene Trabazo segue engordando o seu palmarés deportivo. Puxo o broche de ouro á súa tempada ao proclamarse campioa de Galicia de ciclocrós, nunha proba que se disputou no circuíto santiagués de San Lázaro

Podio do campionato galego de ciclocrós Federación Galega de Ciclismo

A marinense Irene Trabazo segue engordando o seu palmarés deportivo. Puxo o broche de ouro á súa tempada ao proclamarse campioa de Galicia de ciclocrós, nunha proba que se disputou no circuíto santiagués de San Lázaro.

Tanto Trabazo como o gañador na categoría masculina, Iván Feijóo, ambos os sub-23, ratificaron a súa condición de grandes dominadores autonómicos desta modalidade sobre un embarrado trazado e ante adversas condicións atmosféricas.

Na carreira estrela feminina, Irene Trabazo triunfou con absoluta solvencia. A corredora do Marín Ottoman avantaxou en 3:38 á elite Lucía Vázquez (ProRebordosa) e a terceira praza correspondeulle á gañadora júnior Andrea García (Cambre Renault Caeiro).

Este campionato pechou unha tempada para o recordo no ciclocrós galego con catorce probas e unha media de participación de 250 corredores.

A seguinte cita para os especialistas nesta modalidade será na segunda fin de semana de xaneiro o Campionato de España na localidade guipuscoana de Legazpi.