Iván García proclámase subcampión de Europa de taekwondo en Manchester

Marín
23 de maio 2022

O deportista do Mat's de Marín conseguiu unha brillante medalla de prata no Europeo Absoluto de taekwondo que se celebrou na localidade inglesa de Manchester. A súa compañeira  Arlet Ortiz pola súa banda despediuse da competición nos oitavos de final

Iván García (centro) e Arlet Ortiz (dereita)
Iván García (centro) e Arlet Ortiz (dereita) / Federación Galega de Taekwondo

Chegaba á cita nun gran estado de forma tras conseguir bos resultados en probas internacionais, e confirmouno no Campionato de Europa Sénior de Taekwondo que se celebrou na localidade inglesa de Manchester.

Nas illas británicas Iván García (Mat's de Marín) fíxose cunha brillante medalla de prata na categoría de +87 quilos, que lle confirma na elite continental do seu deporte coa vista posta nos próximos Xogos Olímpicos.

O deportista do club marinense completou no Europeo unha competición sobresaliente na que só cedeu na gran final fronte ao turco Emre Kutalmig Atesli, campión do mundo júnior en 2018 e de Europa Sub-21 en 2019.

Antes do combate decisivo Iván García superara con solvencia e marcadores claros os seus enfrontamentos contra o serbio Marko Djuricic, o francés Omar El Yazidi e o croata Pasco Bozic.

Pola súa banda no duelo polo título o seu rival turco demostrou unha gran rapidez para impactar coa súa perna na cabeza de Iván nun par de ocasións, o que lle fixo ir a remolque e terminar cedendo por 4-12.

En Manchester tamén competiu a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz (-57 quilos) aínda que con menos fortuna, ao superar o seu primeiro combate á romanesa Tania Maria Racho e caer despois eliminada en oitavos de final fronte á grega Faidra Kalteki.