Baño de prata para Iván García no mundial de taekwondo

Pontevedra
18 de novembro 2022

O taekwondista do Mat's de Marín chegou á final da cita mundialista que se está celebrando na cidade mexicana de Guadalaxara sen perder nin un só asalto e despois de eliminar a potentes rivais como o brasiñeo Maicon Siqueira, cabeza de serie número 2 do torneo

Iván García (izquierda) acompañado polos taekwondistas galegos que participan no mundial de Guadalajara 2022
Iván García (izquierda) acompañado polos taekwondistas galegos que participan no mundial de Guadalajara 2022 / Federación Galega de Taekwondo

O taekwondista do Mat's de Marín Iván García segue alimentando o seu soño olímpico. Para conseguir o billete directo cara a París, o deportista debe estar entre os cinco primeiros da clasificación mundial do seu peso (+87 kg) e vai polo bo camiño porque acaba de pechar a súa participación no mundial de taekwondo que se está celebrando na cidade mexicana de Guadalaxara cunha medalla de prata.

García iniciou a competición no posto número 7 do ranking e combate a combate foi deixando atrás a todos os rivais ata plantarse na final. En primeira rolda eliminou ao portorriqueño Jerry Vázquez por 2-0, no seguinte cruzamento enfrontouse ao francés Omar O Yazidi, número 10 do ranking, ao que despachou por 2-0.

Xa en cuartos de final tivo que enfrontarse a un dos rivais máis duros do campionato, o brasileiro Maicon Siqueira, número dous do ranking. O taekwondista pontevedrés ofreceu a súa mellor versión para eliminar ao seu rival e principal competidor polos postos olímpicos e gañoulle por 2-0.

Co obxectivo de conseguir unha medalla xa conseguido. García viuse as caras en semifinais co chinés Zhaoxiang Song, número 11 do ranking, para derrotalo novamente por 2-0.

Sen perder un só asalto, Iván García plantouse na final. En fronte estaba o taekwondista local Carlos Sansores, número 4 do ranking. Esporeado polos ánimos dos seus compatriotas, Sansores asinou un campionato extraordinario. Polo camiño deixou ao quinto e oitavo do ranking mundial, aínda que é certo que o cabeza de serie número 1, o turco Emre Atesli, non ofreceu a súa mellor versión e caeu en segunda rolda co taekwondista de Gambia Gann Alasan, que ocupa o posto 17 da clasificiación global.

No combate polo ouro, García volveu deixalo todo sobre o tatami, pero esta vez non foi suficiente e a vitoria caeu ao lado mexicano por 2-0.

Tamén participou neste campionato do mundo, Arlet Ortiz, compañeira de Iván García no Mat's de Marín e unha das catro taekwondistas galegas desprazadas ao país azteca. A marinense tivo menos fortuna que o seu compañeiro e non puido pasar da segunda rolda ao caer coa kazaka Kamila Aimukasheva.

Coa medalla de prata conseguida en México, Iván García escalará varios postos no ranking mundial e poderá encarar a próxima tempada coa esperanza de conseguir unha desas cinco prazas directas para os Xogos Olímpicos. O pase xogarase nos eventos do Gran Prix, pero sobre todo na cita mundial do próximo ano. 

Despois de catro días de competición, a delegación española suma en Guadalaxara catro metais. Ademais do conseguido por Iván García (+87 kg), Daniel Quesada (-74 kg) fíxose co ouro, Jon Cintado (-80 kg) consechó unha prata, e Cecilia Castro (-67 kg), un bronce.